24/12/15

Entrevistando a Érica Esmorís e Andrea Maceiras:

Un agasallo de Nadal en forma de entrevista!

A miña reportaxe sobre o evento Culturgal aquí.

 No solpor do 2015, a derradeira entrevista do ano chega a Lectureka! Compráceme anunciar que esta vez se trata da primeira entrevista na que dúas autoras de obras diferentes desvelan os segredos das súas respectivas novelas. Trátase de Érica Esmorís (Nena e o Mar) e Andrea Maceiras (Europa Express), que o pasado sábado 5 de decembro tiveron a amabilidade de concedernos tan espléndida entrevista durante o Culturgal 2015.

 Tanto Andrea (á dereita) como Érica (á esquerda) falaron aquel día en calidade de gañadoras dun importante galardón: o Premio Jules Verne de literatura xuvenil por "Europa Express" no caso de Andrea e o Premio Merlín de literatura infantil por "Nena e o mar" no caso de Érica (máis información sobre o fallo dos Premios Xerais aquí). É por iso que a maioría das preguntas ás que responderon versan sobre as súas respectivas obras (que teño firmadas por elas! Felicidade!), aínda que sempre hai oco para a sorpresa nas entrevistas de Lectureka...


 Por motivos prácticos tiven que subtitular todo o vídeo (o que escoitades é o audio orixinal tras reducir o ruído dixitalmente, pero aínda así hai fragmentos de difícil comprensión). É o que ten gravar en eventos tan multitudinarios... (e, un consello, non vos poñades nerviosos e non esquezades axustar o enfoque e a exposición manualmente como fixen eu... despois de todo este tempo e cometendo erros de principiante... e se ademáis podedes evitar tartamudear sería perfecto).

 Pero basta de lamentos, que hoxe é noiteboa. ¡E dentro vídeo!



As autoras:
Información pertencente á web de Edicións Xerais.

Érica Esmorís

Esmorís, ÉricaÉrica Esmorís (A Coruña, 1977). Naceu unha calorosa tarde de xullo preto da praia. O sol, o mar e os libros foron, dende o principio, os seus compañeiros de viaxe. Amante dos animais, estudou veterinaria e, aínda que exerceu uns anos, deseguida cambiou o bisturí polo teclado do ordenador e unha profesión máis creativa. Traballou nalgunhas das máis importantes produtoras audiovisuais de Galicia, tanto no departamento de desenvolvemento e guión como no de dirección. Como narradora publicou as novelas infantís O poder de Amabel (2012), traducida ao castelán, catalán e éuscaro; e Ulises e as cronoamigas (2015). Gañou o Premio Merlín de literatura infantil 2015 coa novela Nena e o mar (Xerais, 2015).

Andrea Maceiras

Maceiras Lafuente, AndreaAndrea Maceiras (A Coruña, 1987) é licenciada en Filoloxía Galega e Hispánica. No eido do relato curto obtivo en varias ocasións o primeiro premio do Certame Literario do Concello de Cambre nas modalidades de narrativa e poesía, así como o segundo premio do X Certame Literario de Relatos Curtos ‘Os Viaductos’ do Concello de Redondela polo seu relato “Cando foi a última vez que pasou fame de verdade?”. A súa primeira novela xuvenil, “Proxecto Bolboreta”, é publicada na colección Fóra de Xogo en Xerais no ano 2007 como obra gañadora do I Certame de Micronovela do Concello de Soutomaior. No 2010 queda finalista do VI Premio de Novela Biblos-Pazos de Galicia. Nese mesmo ano gaña o 4º Premio Meiga Moira coa súa obra “Violeta Tamurana” (2010), que tamén queda finalista do Premio da Edición 2010 e do Premio Frei Martín Sarmiento 2011. Con “Nubes de evolución” (Xerais, 2013) quedou finalista do Premio Fundación Nova Caixa Galicia 2011 e gañadora do Premio Fervenzas Literarias, 2014. Con “Volverás, golfiño” (Xerais, 2014) quedou finalista do Premio Merlín, 2013. En 2015 gañou o Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil con “Europa Express” (Xerais, 2015).


As súas obras:

Nena e o mar
Autora: Érica Esmorís
Editorial: Xerais
Páxinas: 192
Sinopse oficial: Porto Balea é unha vila mariñeira na que todos os seus anciáns habitantes perderon a esperanza. Só Otto, o último home novo da vila, segue a saír ao mar a diario mentres deixa a Nena, a súa filla e orfa de nai, ao coidado dos habitantes da vila acantilada. Mais un día Otto non regresa, tras naufragar nos dominios da Illa das Sereas. Dende entón, Nena loitará contra a desidia e cansazo dos seus vellos habitantes e con toda a forza de vontade, o empeño e a valentía que lle collen no seu corpo miúdo, emprenderá nun bote pequeno unha aventura temeraria e fantástica para rescatar ao seu pai.Nena e o mar é unha novela circular e coral, unha aventura de esperanza e valentía, onde todo, absolutamente todo, é posible; mais onde tamén se poden saborear a ritmo pausado todos os ingredientes da vida nunha vila mariñeira e profundar nas historias dos seus vellos mariñeiros.

A miña recensión aquí.

Europa Express
Autora: Andrea Maceiras
Editorial: Xerais
Páxinas: 216
Sinopse oficial: Aroa, Xacobe, Nico, Beatriz, Óscar, Piero e Mía deciden viaxar xuntos por Europa en Interrail ao rematar o Bacharelato. Descubrirán a vida en liberdade e a complexidade das relacións persoais, marcadas polo carácter de Xacobe.Dez anos despois da viaxe, Nico atopará en Berguen, unha postal que lle revelará certa información que provoca nel un cuestionamento da súa vida actual e a necesidade de resolver as dúbidas sobre a traxedia que os envolveu ao seu regreso da viaxe de tren. Malia as reticencias de Aroa a revolver no pasado, Nico logra contactar c@s compañeir@s de viaxe e organiza unha festa de reencontro a partir da cal irán aflorando todos os matices que permitirán aclarar as causas daquel fatídico acontecemento. Novela coral de intriga psicolóxica, a historia alterna lugares, personaxes e tempos narrativos no seu avance cara o descubrimento dunha verdade inexorábel, capaz de cambiar o rumbo das vidas dos seus protagonistas. A liberdade das viaxes, a identidade ou a procura do amor son algunhas das constantes deste relato que afonda na esencia da mocidade, tan efémera no tempo como perdurábel na memoria.


Recensión próximamente.

No hay comentarios :

Publicar un comentario

¡Alimenta el blog con tus comentarios! Recuerda ser respetuoso con el redactor y lectores y siéntete libre de responder cualquier comentario publicado.

Intentaré responder a todos los comentarios, especialmente a aquellos que formulen dudas o preguntas.

¡Gracias por leernos!