14/12/15

Recensión: Nena e o mar

Unha novela tan profunda como o mar que representa:

 ¡Hoxe toca recensión galega! A novela escollida para o meu habitual análise non é outra que Nena e o mar, a última publicación de Érica Esmorís na que tanto maiores como pequenos atoparán una pracenteira lectura. 


 Quizais recordaredes  que a principios deste ano a novela de Érica foi declarada gañadora do Premio Merlín de Literatura Infantil 2015 nunha cerimonia celebrada na Illa de San Simón. Non foi ata o mes de novembro cando o libro chegou ás librerías da man de Edicións Xerais, e ata o pasado sábado 5  de decembro cando caeu nas miñas mans durante a feira "Culturgal", onde tamén coñecín á súa autora que me concedeu unha estupenda entrevista xunto a Andrea Maceiras (Europa Express) que este mesmo fin de semana poderedes ver no blog xunto a unha reportaxe sobre o evento. Polo momento, non adiantemos acontecementos. ¡Temos unha longa recensión por diante!

Nena e o mar                                                                           Autora: Érica Esmorís (ilustracións de Dani Padrón)                           Editorial: Xerais                                                                             Páxinas: 192                                                                                                                                                                                           Sinopse: Nena é a única nena de toda a vila de Porto Balea. De feito, a vila mariñeira outrora esplendorosa está habitada exclusivamente por anciáns, a excepción de Nena e o seu pai; Otto, quen cada mañá parte no seu bote na procura da pesca que alimentará aos vellos rosmóns cos que comparte fogar, e aos que encarga o coidado da súa filla na súa ausencia. A inocente e leda Nena, en contraposición aos vellos mariñeiros, é motivo de sorriso con cada unha das súas intervencións. Sen embargo, a súa ledicia desaparecerá cando unha tarde Otto non regrese da súa travesía. O motivo? Está preso na Illa das Sereas, un misterioso dominio do que, según contan as lendas, ningún mariñeiro saíu vivo xamáis. A esperta e valente nena non dubidará en botarse ao mar na procura do seu pai, non sen antes descubrirnos a peculiares historias dos habitantes de Porto Balea.

Opinión persoal:

 Neses momentos nos que, de cando en vez, leo novelas desta talla, recordo canto temos que aprender da literatura infantil. De feito, se se presentara a oportunidade, retrocedería uns anos no tempo para gozar desta obra na idade óptima, e que non fose a nostalxia dunha literatura tan importante como é a infantil o que despertase interese en mí, senón unha pasión aínda vixente. A maior parte do seu público será novo, pequeno, pero a connotación da historia de Nena é tan inmensa como o mar mesmo. Xa sabedes o pouco que me gustan as etiquetas de idade, porque eu disfrutei como un anano desta lectura.

Unha trama engaiolante:

 As temibles sereas non son as únicas que engaiolan. Tamén o fai Érica a través da historia de Nena, unha historia que se presenta nunha vila que, por desgraza, é como tantas outras vilas galegas; desprovista do seu brillo e poboada por persoas maiores que agardan a morte ociosos e nostálxicos; a sombra da que fora una espléndida vila mariñeira.                                A través de Nena, na ausencia do seu pai, coñecemos un por un a estes anciáns, que non por maiores deixan de ser entrañables. O que fai de Nena e o mar unha novela tan coral é precisamente que se profundice nas historias particulares de cada un dos personaxes e as súas particularidades; dende Aurora a tecelá, que non sae da casa por manter o lume aceso ata Hannah a enfermeira, que padece por un amor perdido,
sen esquecer a Umu, o mariñeiro que deixou de navegar, ou ao enigmático fareiro Noon, que todo o ve dende o cumio do seu faro (o meu preferido sen dúbida algunha). Estes son só algúns dos rostros das tramas secundarias que poboan e enriquecen a novela, sendo algunhas mais atractivas que outras para o lector, pero todas igual de curiosas. Hei de dicir, como contrapunto, que aínda que a impresión xeral de todas as historias inseridas na trama principal é de estar integradas con ela, algunhas -especialmente durante o último tramo da novela- parecen un pouco máis forzadas (e non por iso fóra de lugar).

Érica Esmorís conversando con Tino Santiago nun evento do Culturgal / Foto: eu.
 Xa nos derradeiros compases da novela o ritmo da novela pasa dun desenvolvemento máis ben pausado a un enfoque aventureiro que protagoniza algúns dos xiros máis interesantes da trama co que eu me atopei especialmente cómodo, precisamente por distanciarse tanto das miñas expectativas no mellor sentido posible coa intrépida incursión na Illa das Sereas.

Unha mensaxe esperanzadora:


 A priori a trama parece ser sinxela, e o certo é que o é. Pero as súas fortalezas residen no que non se conta coas palabras, no que Nena nos inspira aos lectores. Ao fin e ao cabo os anciáns e as súas peripecias non son máis que un pretexto para transmitir unha mensaxe implícita en cada páxina a través do contraste entre a vontade de Nena e a desidia dos anciáns, que vexo cada día nos meus propios avós e en cada un dos señores maiores que pasan a vida supervisando obras na rúa. A vida non remata cando o corpo murcha, e non son os anos o que pesa senón a propia falta de espírito e iniciativa na procura da felicidade. Por expresalo en palabras menos poéticas; os anciáns da novela adoptan os roles clásicos de persoa maior e pasiva que resulta incomprensible aos ollos de Nena, e que, como a autora evidencia na progresión de cada personaxe, é unha condición autoimposta da que hai que fuxir. A historia de Noon é outro conto, pero non serei eu quen desvele o misterio..



Miña copia asinada por Érica!
 Quizais sexa a influencia do medio audiovisual no método de traballo de Érica, ou quizais sexa o que evocan as ilustracións de Dani Padrón (noraboa tamén a el polo seu traballo), pero dende un primeiro momento non podía evitar imaxinar cada instante como unha película (obviamente de animación ou anime xaponés ;), de xeito case insólito.

 A pegada de Nena:
 Nena e o mar é, en conxunto, unha evocadora exaltación de liberdade, xuventude, determinación e tenrura que gustará aos máis pequenos e non deixará indiferentes aos que xa non o son tanto, mesturando realismo e fantasía nunha odisea a pequena escala que agocha nas súas profundidades tantos segredos como o fan as ondas do mar e o alto do faro. Un mapa en branco que encher con marabillosas experiencias.

Para o mellor entrevistador de todo o Culturgal e a súa axudante, con moito cariño. Érica Esmorí. Grazas Pablo e María! ➝➝➝➝➝➝➝➝


Nota: 8

No hay comentarios :

Publicar un comentario

¡Alimenta el blog con tus comentarios! Recuerda ser respetuoso con el redactor y lectores y siéntete libre de responder cualquier comentario publicado.

Intentaré responder a todos los comentarios, especialmente a aquellos que formulen dudas o preguntas.

¡Gracias por leernos!