24/2/16

Día de Rosalía de Castro 2016

#MobilizaRosalía

 Se hoxe Rosalía de Castro, poetisa máis ilustre da historia das letras galegas, estivese entre nós, hoxe faría 179 anos. Claro que, como é natural, Rosalía faleceu fai tiempo, e os seus restos mortaiss están soterrados no Panteón de Galegos Ilustres. É por este motivo que se escolleu a que sería  a data do seu aniversario para renderlle homenaxe ano tras ano: o 24 de febreiro.

CartelBaseAELGDia-de-RosaliaDeCastro2016-150_001 

A AELG (Asociación de Escritoras e Escritores en Ligngua Galega) tampouco faltou á súa cita este ano. Como principal promotora do evento dende 2010 é tamén a encargada de xestionar a meirande parte dos actos conmemoriativos á autora de Cantares Gallegos que se conmemoran nestas datas.


 Como cada ano, a AELG propón regalar un libro en galego e unha flor neste día (é unha mágoa que non pudiese ser, pero hai que estudar para historia...). Este ano en particular difundiron un cartel oficial do evento (á esquerda) e propuxeron un hashtag para compartir fotografías e experiencias rosalianas a través das redes sociais: #mobilizarosalía. Cabe destacar que Rosalía de Castro foi trending topic en twitter durante boa parte da mañá.



 Podedes consultar a lista completa de eventos que terán ou tiveron lugar en toda Galicia na web da AELG (aquí), entre os que podemos atopar lecturas públicas da obra de Rosalía, actividades de fomento de lectura da obra rosaliana nos centros escolares ou a creación de pinturas baseadas nos versos de Rosalía (no concello de Ourense). Para os que chegades tarde, tamén se comparten unha serie de actos que terán lugar durante as vindeiras semanas. 
 A maiores, moitas librerías e bibliotecas se sumaron ao acto de forma extraoficial. ¡O caso é dar a coñecer a obra de Rosalía!


 Como ven sendo tradición, a AELG publicou na súa páxina web un manifesto, escrito este ano por Suso de Toro, que di o seguinte:

rosalía libre e sen medo ningún

non podemos saber como sería hoxe rosalía de castro. ou si: sería como era, como foi, como segue a ser, como é rosalía. e como é rosalía, que agora non o podemos saber?

sabemos, sabemos. sabemos que foi verdadeira, que viviu toda a súa vida con verdade e que foi unha persoa libre, e sabemos que a liberdade hai que pagala e por iso a súa vida foi dura.

non hai liberdade se a palabra non é libre, e por iso ela escribiu sen medo ningún para combater «aos que sen coñecemento algún nin razón, nos desprezan, que a nosa lingua non é aquela que bastardean e chapurran nas máis ilustradísimas provincias, cun riso de mofa.» a súa preocupación polo país nacía dun orgullo profundo de ser galega, «o máis triste nesta cuestión é a falsedade con que fóra de aquí pintan así aos fillos da galiza como da galiza mesma.»

escribiu poesía, e a poesía abrázao todo: a alegría, a esperanza, a dor..., e tamén a denuncia da opresión, e tamén as proclamas da política da liberdade. nos seus versos cabe a liberdade da galiza e tamén a xustiza social que reclama para todos os «desherdados», mesmo explicitamente para os traballadores: «obreros incansables, yo os saludo.»

e se escribía sobre os demais, os demais que sufrían, era porque o sentía. toda a súa poesía é lírica; non nace das ideas, que nace dos sentimentos, afectos e emocións da autora.

e todo o que ela sentía e toda a xente que ela sentía como súa, habitaba dentro dun mundo vivo todo el. poucas veces a natureza aparece tan constantemente, rodeando e envolvendo a vida toda. as augas, as árbores, as plantas, os ceos, un mundo vivo e activo, ás veces amábel e familiar:


baixo a prácida sombra dos castaños

do noso bon país

baixo aquelas frondosas carballeiras

que fan dose o vivir;

cabe a figueira da paterna casa

que anos conta sin fin,

qué contos pracenteiros, que amorosas

falas se din alí!

e, cando dentro dela lle nace unha pena, sempre ten a certeza de que aí fóra hai uns ceos claros onde mora a esperanza:

no ceo, azul crarísimo;
no chan, verdor intenso;
no fondo da alma miña,
todo sombriso e negro.

ninguén lle quite a rosalía o que rosalía dixo e foi: «solo cantos de independencia y libertad han balbucido mis labios.» ninguén diga que foi muller encollida ou, sequera, vencida. non escribía con tinta, que escribía con sangue: «mollo na propia sangre a dura pluma.»

estaba posuída por unha forza e unha ansia sen igual. e comezou a vivir a vida con esa alegría, foi unha moza destemida que desafiou as convencións feitas para encerrar as mulleres «pues siempre cuando yo paso/ de mí murmuran y exclaman.» desde o principio quixo ser escritora, muller escritora, e enfrontouse ao destino que tiñan as mulleres da época desde que nacían simplemente por naceren mulleres: «desde la cuna ya, el ruido de las cadenas que debían aprisionarme para siempre, porque el patrimonio de la mujer son los grillos de la esclavitud.» e desde moi nova decidiu ser creadora e fixo por selo, fixo por ser muller escritora. e foino, contra todo e contra todos.

acabou sendo querida pola xente que ela máis quería, a xente humilde que fixo dela unha bandeira, unha estreliña de esperanza. «¡ai, dos que levan na frente unha estrela! ¡ai, dos que levan no bico un cantar!», dixo dela o noso curros. mais non puido evitar tropezar coas paredes da realidade social, non puido ter o éxito como novelista profesional que arelaba. encerrada na casa, criando a súa rolada de fillos, atravesada pola dor da perda dalgúns deles, acabou a súa vida como o que foi, unha escritora a riscar papeis «na gran sala»da súa casa.

 non conseguiu en vida o recoñecemento que merecía mais non foi vencida, chegou aos seus últimos días coa arma de escritora na man. rosalía viviu libre e campa aínda libre arredor de nós, é unha sombra clara que nos anima a vivir en liberdade sempre. sempre libres, sempre en galiza, a nación de rosalía. «o noso bon país», di ela.

 Para máis información sobre o manifesto ou o evento, podedes consultar a web da AELG aquí.

No hay comentarios :

Publicar un comentario

¡Alimenta el blog con tus comentarios! Recuerda ser respetuoso con el redactor y lectores y siéntete libre de responder cualquier comentario publicado.

Intentaré responder a todos los comentarios, especialmente a aquellos que formulen dudas o preguntas.

¡Gracias por leernos!