6/6/16

Premios Xerais 2016

David Pérez, Iria Misa e Manuel Esteban
triunfan na edición 2016 dos premios Xerais


 O pasado sábado 4 de xuño tivo lugar na Illa de San Simón, como é habitual, a resolución dos premios Xerais 2016, que cada ano son entregados por Edicións Xerais premiando a tres autores de literatura infantil, xuvenil e adulta.

 No singular emprazamento en plena ría de Vigo tivo anunciouse o veredicto do xurado con respecto ao XXXIII Premio Xerais de Novela, o VIII Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil e o XXXI Premio Merlín de Literatura Infantil, recoñecendo cada un deles a unha das múltiples obras presentadas baixo seudónimo en cada categoría (un total de 89 participacións), dotando cada unha das afortunadas con 10.000€ e a publicación da novela en cuestión.

 O acto de entrega, unha cerimonia de carácter literario-musical que tivo lugar no Auditorio da illa de San Simón, acolleu a cerca de tres centas personalidades do panorama literario galego; desde representantes da editorial e concursantes a membros do xurado, membros da AELG e do GALIX...

Coñecendo aos laureados:
160604018

 Posando frente a ría e entre as árbores da illa nas xa míticas fotografías da gala están os tres gañadores deste ano: David Pérez Iglesias (Premio Merlín de Literatura Infantil), Iria Misa (Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil) e Manuel Esteban (Premio Xerais de Novela). Podedes consultar a nota de prensa oficial dos premios aquí.

XXXI Premio Merlín de Literatura Infantil: David Pérez iglesias

 33 obras optaban este ano ao premio nesta categoría, tantas como en 2015. O xurado, integrado por bibliotecarios, libreiros, profesores e artistas declarou finalistas ás obras presentadas baixo o nome de «Os nomes», «Recollerás estrelas fugaces» e «Turrón». A primeira delas resultou ser a premiada, e baixo o nome en clave se agochaba o título Todo o Tempo do Mundo, unha obra de David Pérez Iglesias, escritor, guionista e profesor.

 Segundo o comunicado de Xerais "Todo o tempo do mundo é unha novela realista, narrada en primeira persoa por unha moza preadolescente, aínda que na obra tamén existen outras voces de gran relevancia, tal é o caso da voz do avó Valente, un ancián pouco común cuxo nome anticipa o seu carácter. Situada no século XXI, a historia narra a experiencia vital de Ariadna, que ve como o seu mundo na cidade se esborralla e como os seus referentes (o pai e a nai, os amigos, a casa…) van desaparecendo de xeito inesperado e paulatino sen que ela poida evitalo. Estes acontecementos obrígana a percorrer un longo camiño, tanto real como metafórico, cara a un lugar alleo para ela, a aldea onde naceu seu pai e onde aínda vive o seu avó. É este un percorrido vital, unha descuberta da terra dos seus, dos costumes do rural, das súas propias raíces nas que atopará un avó practicamente descoñecido que conseguirá que, nos vinte días que conviven, Ariadna se converta no enxerto que con forza prende na centenaria árbore familiar dándolle continuidade á estirpe".

 Máis información ao respecto aquí.

VIII Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil: Iria Misa

22 obras optaban este ano ao premio nesta categoría, unha menos que en 2015. O xurado, integrado por profesores e estudantes declarou finalistas ás obras presentadas baixo o nome de «Cinza do teu mar», «Murnios», «Ollares» e «P & L». Murnios resultou ser a premiada, e baixo o nome en clave se agochaba o título Xa non estou aquí, unha obra de Iria Misa Peralba, profesora de secundaria que se estrea na publicación con esta obra.

 Segundo o comunicado de Xerais "Ánxela, a protagonista de Xa non estou aquí, é unha rapaza que repite 1º de Bacharelato obrigada polos seus pais e que se enfronta aos conflitos de personalidade propios da súa idade. Dende o comezo da novela comparte directamente cos lectores e lectoras os seus desacougos, os seus medos, as súas inseguridades, pero tamén os seus ideais e as súas ilusións. Fainos tamén testemuñas da fría despedida que lles dirixe aos seus familiares, que a buscan con desesperación. A vida de Ánxela sofre un cambio rotundo cando, a comezo de curso, meses antes da desaparición, coincide con María, que a seduce para integrala no grupo de rapaces coñecidos como os Murnios, de aparencia gótica e hábitos totalmente diferentes ao resto de compañeiros. Fascinada pola acollida destas novas amizades que ela consideraba fóra do seu alcance, Ánxela descubrirá o mundo das drogas e aceptará asumir as normas escritas do grupo, nas que se avoga pola busca do pracer polo pracer, obviando calquera tipo de consideración moral".

 Máis información ao respecto aquí.

XXXIII Premio Xerais de Novela: Manuel Esteban

34 obras optaban este ano ao premio nesta categoría, tantas como en 2015. O xurado, integrado por libreiros xornalistas e editores declarou finalistas ás obras presentadas baixo o nome de «Avó», «Comasio» e «Myttin da». Comasio resultou ser a premiada, e baixo o nome en clave se agochaba o título A ira dos mansos, unha obra de Manuel Esteban Domínguez, médico e profesor que tamén se estrea na publicación con esta obra.

 Segundo o comunicado de Xerais "O cadáver dunha nena aparece nos terreos do edificio Bandeira en Vigo. A partir de aí, o inspector Carlos Manso ten que percorrer os intestinos da delincuencia viguesa e internacional para resolver o crime.

 A ira dos mansos é unha novela negra cun acusado enfoque social, que supón, para o protagonista e para as persoas que a lemos, unha viaxe de superación de moitos prexuízos. Cuestionando a normalidade e a perfección e obrigando á reflexión, as palabras das súas páxinas derruban as barreiras emocionais do personaxe principal. O inspector Carlos Manso móvese con facilidade por unha cidade, Vigo, cuns escenarios que tamén protagonizan, en pé de igualdade, a novela".

Máis información aquí.

No hay comentarios :

Publicar un comentario

¡Alimenta el blog con tus comentarios! Recuerda ser respetuoso con el redactor y lectores y siéntete libre de responder cualquier comentario publicado.

Intentaré responder a todos los comentarios, especialmente a aquellos que formulen dudas o preguntas.

¡Gracias por leernos!